OPE SERGAS: MODIFICACIÓN EXERCICIOS |
| |
RESOLUCIÓN Do 25 DE XUÑO DE 2009 DA XERENCIA DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE POLA QUE SE MODIFICAN AS RESOLUCIÓNS DA SECRETARÍA XERAL DO SERVIZO GALEDO DE SAÚDE DO 11 DE DECEMBRO DE 2008 POLAS QUE SE CONVOCA CONCURSO-OPOSICIÓN PARA O INGRESO NAS CATEGORIAS DE PERSOAL LICENCIADO SANITARIO DO ORGANISMO.
Por varias resolucións da Secretaria Xeral do Servizo Galego de Saúde do 11 de decembro de 2008 (DOG Nº 247, do 22 de decembro), convocouse concurso-oposición para la categoría de facultativo especialista de área de diversas especialidades, médico de urxencias hospitalarias, médico de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria, farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria e médico coordinador do 061.
Entre os exercicios da fase de oposición que se establecen no Anexo III das devanditas resolucións, figura un exercicio sobre o contido da parte común do programa (temas un a oito, inclusive), que de conformidade co establecido no artigo 35 do Decreto Lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, se realizará exclusivamente en lingua galega.
Por outra banda, e respecto ao o exercicio de coñecemento da lingua galega, non se contempla a exención da súa realización para o aspirantes que estean en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado, prevíndose tan só a exención deste exercicio para os aspirantes da quenda de promoción interna.
A Lei 2/2009, do 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modifica a redacción do devandito artigo 35 e na disposición transitoria única establece a aplicación da liberdade de elección da lingua galega e castelán nos procesos selectivos en curso respecto dos exercicios que aínda non estean realizados.
De conformidade co anterior, e tendo en conta que a realización dos exercicios da fase de oposición para o ingreso nas citadas categorías está previsto para o vindeiro 27 de xuño de 2009, procede adaptar o Anexo III das devanditas resolucións á nova redacción do artigo 35 do Decreto Lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.
Este centro directivo, en uso da competencias atribuídas polo Decreto 311 /2009, do 28 de maio, polo que se establece la estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde,
RESOLVE:
Primeiro.- Modificar o parágrafo 1 da Base Sétima das resolucións da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 11 de decembro de 2008 (DOG nº 247, de 22 de decembro), polas que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo especialista de área de diversas especialidades, médico de urxencias hospitalarias, médico de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria e odontólogo de atención primaria, que terá a seguinte redacción:
1.- Para o acceso á categoría convocada, os/as aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentos de realizar o exercicio sobre o contido da parte común do programa (temas un a oito, ambos inclusive).
Segundo.- Modificar o Anexo III das resolucións da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 11 de decembro de 2008 (DOG nº 247, de 22 de decembro) polas que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo especialista de área de diversas especialidades, médico de urxencias hospitalarias, médico de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria, farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria e médico coordinador do 061, que terá a seguinte redacción:
ANEXO III
1º Exercicio (eliminatorio): Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, máis 10 preguntas de reserva, de supostos prácticos sobre o contido da parte específica do programa do Anexo V, e directamente relacionados coa actividade específica dos centros, nun prazo máximo de 180 minutos. Este exercicio será valorado de 0 a 50 puntos. As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente serán penalizadas co cuarto do valor asignado á contestación correcta. Para superar este exercicio deberá alcanzarse unha puntuación do 50% do valor do mesmo. 2º Exercicio (obrigatorio non eliminatorio): Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, máis 2 preguntas de reserva, sobre o contido da parte común do programa do Anexo V (temas un a oito, inclusive), nun prazo máximo de 15 minutos. Este exercicio será valorado de 0 a 5 puntos. As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente serán penalizadas co cuarto do valor asignado á contestación correcta. 3º Exercicio (obrigatorio non eliminatorio): Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, máis 2 preguntas de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte dos aspirantes da lingua galega, nun prazo máximo de 15 minutos.
Polo tanto o vindeiro venres, día 26 de xuño, publicarse no Diario Oficial de Galicia unha Resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde pola que se procede a modificar as devanditas resolucións, e que producirá efectos respecto dos exercicios da fase oposición que se celebrarán o vindeiro sábado, día 27 de xuño.
As modificacións que se levarán a cabo consisten basicamente en garantir a liberdade de elección de lingua galega e de lingua castelán en relación co segundo exercicio da fase de selección que, polo tanto, non será exclusivamente en lingua galega.
Por outra banda, se garantirá que os aspirantes que acrediten posuír o Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego, de conformidade co establecido na disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega; D.O.G nº 146, do 30 de xullo), queden exentos da realización do terceiro exercicio de coñecemento da lingua galega.
De conformidade co anterior, os aspirantes que estean en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado (curso de perfeccionamento ou validación correspondente, conforme á Orde do 16 de xullo de 2007 antes citada) poderán abandonar o recinto onde se realicen os exercicios ao finalizar o segundo exercicio, permanecendo no mesmo exclusivamente os aspirantes que teñan que realizar o terceiro exercicio de coñecemento da lingua galega, que será realizado unha vez rematado o segundo exercicio.
Recórdase que o exercicio de coñecemento da lingua galega é obrigatorio para os aspirantes de calquera quenda de acceso (libre, persoas con discapacidade e promoción interna) que non teñan os devanditos cursos de coñecemento da lingua galega, polo que se recomenda que aqueles aspirantes que teñan algunha dúbida sobre a validez dos cursos dos que poidan dispoñer, permanezan no recinto ó finalizar o segundo exercicio e procedan á realización do terceiro.
Nos primeiros días do vindeiro mes de xullo publicarase no Diario Oficial de Galicia unha resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se abrirá un prazo para que os aspirantes que estean exentos da realización do exercicio de coñecemento da lingua galega, aporten a documentación que acredite que están en posesión dos devanditos cursos de coñecemento da lingua galega.
Aos aspirantes que de conformidade co establecido no punto anterior, acrediten estar en posesión do curso de coñecemento da lingua galega Celga 4 ou equivalente (perfeccionamento) ou a validación correspondente, se lles outorgará unha puntuación de 5 puntos no terceiro exercicio. Os aspirantes que deban realizar o terceiro exercicio por carecer do correspondente curso de coñecemento da lingua galega, serán valorados de 0 a 5 puntos, en función da puntuación acadada no devandito exercicio. |
|
|
|
|