27-05-2009
Carreira Profesional Grao lll Segundo información do Servizo Galego de Saúde a convocatoria da resolución da Carreira Profesional Grao lll Persoal xestión e servizos e sanitarias de formación profesional publicarase no DOG na semana do 15 de xuño e o prazo estará aberto ata o 30 de setembro. Para o grao III, ademáis de 19 anos de servizos, do mesmo xeito que se fixo para o persoal diplomado sanitario, esixiranse 9 créditos para acadar unha avaliación favorable (un crédito mais que no grao II, seguindo a progresión utilizada ata o momento en graos anteriores). Ademais se introducirá a novidade de cubrir a solicitude e obter os anexos a través de FIDES, (oficina virtual do profesional) o que axiliza o proceso de resolución. Os profesionais terán apoio informático así como un ordenador á súa disposición no servizos de persoal dos centros, onde o persoal encargado de tramitar os expedientes recibirá a correspondente formación sobre o novo programa para xestionar os procesos de carreira de agora en adiante, o CADES.
Documentación que debe achegarse coa solicitude Certificado acreditativo de 19 anos de servizos prestados ou tempo de servizos prestados en varias categorías equivalentes (norma 5.3.4 do Acordo) Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso dos solicitantes que teñan prestado na institución de destino actual os 19 anos de servizos requiridos para o acceso ou tempo equivalente (promoción interna). Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emitidos polos centros correspondentes, que sexan precisos para completar dito período. Autoavaliación/relación de méritos A autoavaliación deberá axustarse necesariamente ao modelo que figura na Oficina Virtual do Profesional (Fides) e deberá ser cuberto e presentado xunto coa solicitude, de conformidade co procedemento establecido na disposición terceira. O nivel de desempeño da actividade profesional será autoavaliado tendo en conta o posto que se desempeña actualmente e os servizos prestados no mesmo co límite máximo de 5 anos ata a data da convocatoria. Documentación acreditativa dos méritos correspondentes a outras actividades: formación continuada; actividade docente e compromiso coa organización. Deberán xuntarse as certificacións acreditativas correspondentes. O solicitante poderá presentar a documentación que considere oportuna á vista do baremo (téñase en conta o máximo de 5 créditos resultante destas actividades). Non resulta preciso acreditar todas as actividades realizadas, xa que as futuras resolucións que inicien o prazo para acceder aos sucesivos graos posibilitarán novamente a presentación de documentación adicional. Avaliación Acadarase avaliación favorable coa obtención de 9 créditos (nivel de desempeño mais actividades acreditadas). O nivel de desempeño outorgará ao solicitante as seguintes puntuacións: baixo (6 créditos); normal (7 créditos); alto (8 créditos). Actividades acreditadas: máximo 5 créditos. Formación continuada para a actividade profesional: Valorarase a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados para profesións sanitarias pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola Comisión Autonómica. Estes cursos valoraranse sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría, e para as categorías sanitarias. Valoraranse tamén os cursos de formación e perfeccionamento realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continuada das administracións públicas e/ou do Plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría. Valoraranse igualmente os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xullo de 2002, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, INEM, Cruz Vermella, colexios oficiais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde. Os cursos valoraranse por créditos. De non figuraren créditos, a equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito. Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xullo de 2002). Excepcionalmente, en determinadas categorías con menores posibilidades de acceso á formación continuada, aos profesionais que non teñan superado a avaliación e que non podan acreditar a realización de cursos con posterioridade á data indicada, a Comisión Técnica de Avaliación poderá solicitarlles e valorar outros cursos das mesmas características que os anteriores, sen límite de data.
|