INFORMACIÓN MEDICOS URXENCIAS HOSPITALARIAS |
| |
INFORMACIÓN DA XUNTANZA DO 10/11/2008 DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO DE MÉDICOS DE URXENCIAS HOSPITALARIAS
O luns 10 de novembro de 2008 tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Seguimento do Acordo de Médicos de Urxencias Hospitalarias (MUH), asinado por todas as organizacións da mesa sectorial (CIG-Saúde, CESMSATSE, CSIF, CCOO, e UGT) e publicado no DOG do 23/04/2007.
A xuntanza da Comisión de Seguimento tivo lugar como consecuencia de que CIG-Saúde lle demandara a súa realización ao SERGAS, diante da situación de paralización da maioría dos plans funcionais dos servizos de urxencias dos hospitais, que o acordo establecía que se tiñan que realizar. Paralelamente, existe un profundo cabreo entre os MUH polo manifesto incumprimento do acordo por parte de moitas xerencias e pola racanería, con poucas excepcións, coa que estas están aplicado o acordo nos hospitais. Na xuntanza, o noso sindicato explicitou as súas posicións sobre cada un dos importantes problemas que existen na aplicación do acordo[1] e, esas posicións foron compartidas, con algunha matización, pola totalidade dos sindicatos presentes na mesa sectorial. A unidade sindical na análise da situación e nas propostas de solucións foi practicamente unánime por parte de todos os sindicatos da mesa sectorial. Entre as cousas que ficaron claras na xuntanza, e que a administración afirma coincidir cos sindicatos, pódense citar as seguintes[2]: *** A fin de ano teñen que estar rematados todos os plans funcionais, existindo algunha reserva por parte da administración de que isto se poda facer no caso do CHUS, o CHUVI e o CHOP. *** O cómputo da xornada ordinaria dos médicos de urxencias debe facerse descontándolle os seguintes conceptos ás 1430 horas: • as horas de xornada non asistencial • os días adicionais LDs e de vacacións[3]. *** Respecto da xornada non asistencial o SERGAS acepta que esta debe incluír: • as horas necesarias para a asistencia a sesións clínicas (xustificando esa asistencia), • os días de asistencia a congreso nas mesmas condicións que o resto de facultativos do hospital, e • 28 horas para formación.
Sen embargo, a administración, cando menos por agora, non se comprometeu a aceptar a proposta de CIG-Saúde de que como sucede xa nalgúns plans funcionais, alén das 28 horas de formación e os días de congresos, deben reservarse tamén un mínimo 70 horas para outras actividades non asistenciais (sesións clínicas, xuntanzas de servizo, ...).
*** O prorrateo de atención continuada en vacación incluirá nocturnidade, festividade e xornada complementaria. *** Os días de especial significación serán retribuídos aos MUH coa mesma contía coa que lle son retribuídos aos facultativos que fan gardas[4]. *** Sen consentimento do profesional, non se lle pode obrigar a un MUH a facer xornada especial por enriba das 190 horas mensuais, como di expresamente o acordo no punto 3 do artigo 2º.
A experiencia de anteriores comisións de seguimento, nas que a administración afirmaba o seu acordo con algúns puntos similares aos anteriores, e logo ese acordo non era transmitido aos hospitais, fixo que CIG-Saúde reclamara que os acordos aos que se chegara na Comisión de Seguimento tiñan que ser claramente reflectidas nunha acta asinada pola administración e os sindicatos, que eliminara ambigüidades e se lle puidera poñer diante ás xerencias. Esta solicitude de CIG-Saúde foi apoiada por todos os demais sindicatos e aceptada pola administración. Todas as organizacións da mesa sectorial quedaron en enviar nos próximos días as súas respectivas propostas ao SERGAS. Deste xeito o SERGAS poderá estudalas e definirse sobre elas e, nunha nova xuntanza da comisión de seguimento, os acordos acadados serán concretados por escrito na acta correspondente, na que tamén figurarán os acordos aos que se chegue sobre demais puntos que non deu tempo de tratar na xuntanza que se está comentando.
A nova xuntanza da comisión de seguimento, na que se asinará a acta correspondente proposta por CIG-Saúde, o SERGAS comprometeuse a convocala antes da ponte do 6-8 de decembro. Notas: [1] Como sindicato máis representativo da mesa sectorial, e de acordo coas súas normas de funcionamento, é CIG-Saúde o primeiro dos sindicatos en tomar a palabra nas xuntanzas, e en expoñer as súas posicións. [2] Os puntos que figuran a continuación non son os únicos sobre os que se falou, sen embargo si foron os únicos aos que se puido chegar a algún tipo de acordo, no tempo que durou a xuntanza. [3] Sen embargo, os 9 días de LDs “ordinarios”, non descontan xornada pois foron tidos en conta no establecemento das 1430 horas de xornada ordinaria [4] O SERGAS aceptou que teñen fórmulas que lle permiten superar o “obstáculo” que lle impedía facelo anteriormente (como lle ían pagar gardas a un persoal que non ten este concepto no seu sistema retributivo?). Agora acepta que ten sistemas para pagarlles aos MUH, neses días de especial significado, unha cantidade igual á que cobran o resto dos facultativos do hospital.
Ligazón: Documento Taboa CIG-SAÚDE M.U.H. |
|
|
|
|