
O Marcide inicia outro curso sen a gardería planeada no 2005
Sanidade e Vicepresidencia aseguraron en abril que intentarían acelerar os prazos
Data de publicación: 18/9/2007 O Área Sanitaria non contará probablemente cunha gardería para os fillos dos traballadores ata o curso 2008-2009. A Administración aínda non puxo en marcha a construción do centro, para o que xa existe un proxecto viable desde o ano 2005 e terreos dispoñibles na zona anexa ao aparcadoiro do Novoa Santos. Un dos principais motivos do atraso, que xa é de dous anos e vai camiño de chegar a ser de tres, é que depende de dúas administracións. Por unha banda está a Consellería de Sanidade, gobernada polo PSOE, cuxo persoal será o principal beneficiario e que achegará os terreos para o inmoble. Pola outra está a Vicepresidencia da Xunta, xestionada polo BNG, da que dependen as garderías galegas. O acordo alcanzado ata o momento é que Sanidade ceda o espazo, e o departamento de Anxo Quintana ocúpese da construción e do persoal do mesmo. Desde abril, sen novidades Segundo explicaron ambos os departamentos, o comezo das obras só dependía da firma dun documento común que serviría de marco para as garderías do persoal hospitalario. Iso dixérono en abril, e aseguraron que se acelerarían os prazos, pero aínda non se produciu ningunha novidade. A presidenta da xunta de persoal da área sanitaria, Mercedes Díaz, sinalou onte que remitira varios requirimentos a Vicepresidencia para solicitar información sobre o proxecto, que beneficiaría a máis de 300 empregados sanitarios. Afirma que lle contestaron que «xa está todo pechado». Pero as obras non empezan. Tampouco se toman medidas para paliar a falta de gardería, xa dispoñible en Santiago e no hospital do Salnés. Sanidade anunciou onte un convenio por máis de 24.000 euros cun centro de Eirís para que 60 traballadores do hospital Juan Canalejo da Coruña poidan dispor dun «servizo de gardería» permanente.
|